Thursday 18 de April de 2024

Olga Lucas presenta mañá na Fábrica o seu libro sobre o exilio da Guerra Civil


Mañá venres 17 de xuño ás 20:30 horas, Olga Lucas estará no auditorio da Fábrica para presentar o seu libro Tras el telón de acero (las hijas del exilio). Ademais da propia autora, o acto contará coa intervención da profesora de Historia Ángeles García Portela e coa actuación do cantautor Félix Arias.

A partir das vivencias e lembranzas da Olga Lucas nena, o libro recolle o exilio dos representantes do Goberno da II República e dun núcleo de comunistas que tiveron como destino Francia, a Unión Soviética e as democracias populares europeas. Paralelamente trátase a historia política española e a historia de Europa, coa Guerra Fría, o Plan Marshall europeo, o estalinismo e a desestalinización.

Olga Lucas naceu en Toulouse no ano 1947, no seo dunha familia española exiliada. Viviu temporalmente en diversos países do Este e aprendeu distintas linguas eslavas, que logo utilizou para traballar de intérprete, tradutora e locutora de radio. De regreso a España traballou de funcionaria na Generalitat Valenciana e desenvolveu distintas actividades culturais en ámbitos alternativos de Valencia. Ten publicados contos e poemas en diversas obras colectivas, sendo coautora con José Luis Sampedro de diversos libros.